Comarcas

@depo_es e @uvigo asinan un convenio para reunir en Pontevedra a 15 expertos para buscar solucións ao mal estado do monte

A Deputación de Pontevedra e a Universidade de Vigo converterán Pontevedra na capital mundial do coñecemento forestal para buscar solucións ao mal estado do monte na provincia. Ambas institucións, da man do vicepresidente César Mosquera e do reitor Salustiano Mato, asinaron este martes un convenio de colaboración que permitirá reunir a quince expertos de primeira orde internacional no sector para consensuar un documento de directrices aplicables co fin de mellorar a xestión forestal, previr lumes e reducir as súas consecuencias.

O vicepresidente César Mosquera explicou que o convenio vén marcado pola preocupación da Deputación polo monte: “Ata o de agora a Deputación foi das poucas administracións que traballou polo monte con axudas para a creación dos parques forestais. A decisión das actuacións subvencionadas deixámola en mans dos redactores dos proxectos, pero a partir de agora, unha vez teñamos este documento consolidado con propostas solventes e elaborado con credibilidade por xente con experiencia, o que chamamos ‘o toque senior’, as institucións teremos un marco ao que aternos para actuar”, subliñou.

Segundo indicou Mosquera, a idea é seleccionar un Grupo Experto (GE) composto por persoas de talento no ámbito dos incendios forestais e a silvicultura preventiva, cunha traxectoria científica ou técnica relevante, que actúen como catalizadores da innovación e acheguen o coñecemento sobre boas prácticas dende diversos puntos de vista.

Este Grupo Experto, ademais de realizar unha diagnose da vaga de lumes de 2017 na provincia de Pontevedra, indicará os seus factores desencadeantes máis importantes e nomeadamente aqueles nos que é posible intervir de xeito preventivo no futuro para evitar unha reiteración do acontecido. Ademais levará a cabo unha proposta de directrices sobre medidas de carácter preventivo de incendios forestais, nomeadamente aquelas referentes á xestión forestal, proporá  xeitos de implementación das directrices propostas, e divulgará o contido do seu estudo para fomentar a súa aplicación.

También te puede interesar