O Goberno da Deputación de Pontevedra vén de lanzar catro novidosas rutas gratuítas para descubrir o “Marisqueo nas Rías Baixas” durante o mes de abril. A actividade, que se desenvolverá os días 14, 15, 28 e 29 deste mes, ás 10 da mañá, terán lugar no Carril, Vilagarcía de Arousa, e consistirán nunha charla informativa sobre a actividade e nun obradoiro práctico de marisqueo nas augas da Ría, co apoio das mariscadoras de AmarCarril.
Carmela Silva informou que as prazas son limitadas, “temos entre 20 e 25 prazas por cada unha das rutas así que animo ás persoas interesadas a que presenten a solicitude de inscrición canto antes porque, estou segura, esta actividade van ter unha altísima demanda”.
O prazo para participar nas novas rutas “Marisqueo nas Rías Baixas” dos días 14 e 15 ábrese hoxe xoves e as persoas interesadas deben formular a súa inscrición a través do correo electrónico [email protected] antes do 16 de abril.
As rutas dos días 28 e 29 de abril abrirán o prazo de inscrición a partir do día 16 de abril e ata o 26 do mesmo mes.