A Xunta de Galicia adquirirá solo para a ampliación da urbanización de San Paio de Navia a través da permuta do mesmo por edificabilidade, tal como recolle a resolución do Instituto Galego da Vivenda e Solo que este venres publica o Diario Oficial de Galicia.
Os propietarios de solo interesados en permutar os seus terreos por edificabilidade disporán dun prazo de dous meses para presentar as súas ofertas.
A superficie mínima das propostas deberá alcanzar os 250 metros cadrados, pero existe a posibilidade de agrupar varias parcelas, aínda que sexan de diferentes propietarios, nunha mesma proposta.
En contrapartida polos terreos, os permutantes recibirán os dereitos de edificabilidade que lles correspondan. Cada metro cadrado de terreo aportado permutarase por 0,6 metros de edificabilidade nas parcelas destinadas a vivendas unifamiliares, 0,23 ou 0,25 metros de edificabilidade nas parcelas de uso terciario e 0,57 metros cadrados de edificabilidade no resto dos casos. Nas ofertas deberase facer constar as mazás ou parcelas de resultado nas que se pretende materializar a edificabilidade.