Os Xuvenís ‘A’ da AD Tomiño veñen de culminar a tempada gañando a liga no campo do seu máis próximo perseguidor e certifican, a falla dunha xornada para rematar a competición, o seu ascenso direto á Liga Galega.
Hai so dous anos os Xuvenís da AD Tomiño ascendían á Primeira Autonómica, a pasada campaña o equipo mantíñase na categoría e nesta proclámanse campión logrando o ascenso de forma directa.
Chegaban os rapaces adestrados por Merino e Bojan como líderes ao encontro decisivo pero, vista dende fora, a empresa no parecía sinxela: visitaban a un Gondomar FB que, tras nove vitorias consecutivas, convertérase nun rival temible que aspiraba ao título sen ningún tipo de reservas e que xa gañara no partido de ida na Carballa.
Aínda así, o equipo tomiñés tíñao claro: eran os líderes e non ían deixar que lles arrebatasen a posición de honra. Por iso, o sábado nas Cercas, logo dunhas xornadas con algunhas dúbidas, os de vermello sacaron o seu arsenal de fútbol e fixéronse coas rendas do encontro dende os primeiros momentos para non soltalas ata certificar unha vitoria que os coroa como os mellores da súa liga.