Os preto de 4.000 metros cadrados do Centro de Investigación Tecnolóxico Industrial(MTI) da Universidade de Vigo están xa ‘operativos’ dende este mes de abril logo de que se completase o traslado ao mesmo dos 14 grupos de investigación dos ámbitos da enxeñaría industrial e da enerxía de minas e da enerxía.
En conxunto, 168 persoas que integran este centro no que seis dos seus grupos de investigación están considerados coma de “referencia competitiva”. Entre estes investigadores, 95 doutoras e doutores, titulares de 144 patentes que o ano pasado participaron en 23 proxectos, dez deles do programa H2020, por un valor de case 5 millóns de euros, realizando máis de 60 contratos con empresas por un importe de 1,9 millóns de euros e publicando 168 artigos en revistas.
Smart-Energy, Industria 4.0 e Fábricas do Futuro (FdF); Novos materiais, valorización de recursos e residuos industriais son os grandes ámbitos de traballos das e dos investigadores que desenvolven o seu labor no centro.
No caso da Smart-Energy realízase unha investigación multidisciplinar destinada a facilitar a transición cara un sistema enerxético fiable, sostible e competitivo para que a sociedade faga fronte aos retos do cambio climático.
Polo que respecta á Industria 4.0 e FdF investígase e desenvólvense tecnoloxías esenciais (KET) que faciliten ao tecido industrial e produtivo situarse na contorna globalizada 4.0.
En relación coa liña de novos materiais, valorización de recursos e residuos industriais o traballo céntrase en avanzar a través da I+D+i nun uso máis eficiente dos recursos e das materias primas, a redución de residuos e o desenvolvemento de materiais novos e avanzados.