A e-interconsulta ou consulta telemática implantada na Área Sanitaria de Vigo entre o servizo de Reumatoloxía, situado no Hospital do Meixoeiro, e Atención primaria recibiu un recoñecemento a nivel nacional pola súa innovación na práctica asistencial. A distinción produciuse no transcurso da segunda edición dos “Premios á Innovación no Ámbito Sanitario”, que convoca a Universidade de Alcalá de Henares.
“A e-interconsulta permite ao médico de Familia enviar telemáticamente ao reumatólogo, para a súa valoración, os datos do paciente, a súa historia clínica e as probas realizadas ata ao memento. Será o reumatólogo quen decida a necesidade de novas probas complementarias ou que o paciente sexa derivado a súa consulta”.
Así o explica o doutor José María Pego, reumatólogo do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (CHUVI) e coordinador do Grupo IRIDIS (Investigación en Reumatoloxía e Enfermidades Inmuno-Mediadas) do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur (IISGS). O doutor Pego e a doutora Elena Lorenzo, actualmente Directora de Procesos sen Ingreso e Urxencias da Área viguesa, son os investigadores principais do mencionado proxecto, no que tamén participan os servizos de Calidade da área sanitaria viguesa.
Melloras en diagnósticos e tratamentos
Dacordo cos resultados experimentados desde a implantación da teleconsulta, rexístranse importantes vantaxes tanto desde o punto de vista asistencial como para o propio paciente.
En primeiro lugar, o coñecemento temperá do caso polo reumatólogo permite acurtar o tempo de atención daqueles pacientes prioritarios como poden ser os que padecen artrites/espondiloartrite de inicio ou as enfermidades reumatolóxicas autoinmunes sistémicas (lupus eritematoso sistémico, esclerodermia, síndrome de Sjögren, ou vasculite, entre outras).
En segundo lugar, a capacidade de resolución polo especialista de Reumatoloxía dunha porcentaxe de casos (fundamentalmente, no ámbito da osteoporose) sen necesidade de desprazamento do paciente, baseada na correcta información clínica e diagnóstica achegada polo facultativo de Atención primaria.
E en terceiro lugar, o aumento do grao de resolución na primeira visita presencial do paciente á consulta do reumatólogo.