A presidenta da Deputación de Pontevedra anunciou este venres unha nova convocatoria do ‘Plan de Práctica Laboral’ para que 400 persoas acaden unha primeira experiencia laboral “en empresas, corporacións sectoriais e organizacións non gobernamentais”, sinalou.
Carmela Silva salientou que a finalidade destas 400 bolsas é “que mozas e mozos con titulación universitaria ou de FP sen experiencia laboral previa no ámbito dos seus estudos, poidan promover e completar a súa formación académica en áreas de coñecemento ou actividades que poidan facilitar a súa futura incorporación ao mercado laboral”. 360 destas bolsas destinaranse a empresas privadas e, as 40 restantes, a corporacións sectoriais e organizacións non gobernamentais.
As mesmas se retribuirán con 740 € para as persoas con ciclo superior de FP e con 840 € para as que posúan titulacións universitarias, aumentando as cantidades respecto á anterior convocatoria (igual que no caso do Plan de práctica laboral na Deputación e os concellos) e situando o investimento nun total de “4.221.984 €, dos cales 703.664 se corresponden coa anualidade 2018 e, 3.518.320€, co exercicio 2019”.
As empresas que desexen formar parte desta convocatoria deben dispoñer de capacidade técnica e de xestión suficiente para executar os proxectos formativos de práctica laboral solicitados, estar inscritas no rexistro público correspondente, ter a sede social ou centro de traballo en Pontevedra, non despedir de forma improcedente a ningunha persoa traballadora da empresa da mesma titulación ou que realizara tarefas semellantes ás que realizará a persoa bolseira nos seis meses anteriores á data de finalización do prazo de presentación de solicitudes, asumir o compromiso de non extinguir contratos laborais vixentes ao persoal da mesma titulación, deseñar un proxecto ou programa formativo da práctica laboral, dispoñer de persoal técnico cualificado que se encargue da titoría ou non ter asignada na actualidade unha bolsa dos plans de práctica laboral da Deputación de Pontevedra.
As empresas interesadas deberán preinscribirse en liña a través de www.depo.gal e presentar o xustificante electrónico xerado durante a preinscrición no Rexistro da Deputación coa documentación correspondente. O prazo de presentación de solicitudes será de 20 días naturais contados a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria no Boletín Oficial de Provincia (BOPPO).