Segundo unha enquisa elaborada por SYM Consulting e difundida onte, o Partido Popular perdería a maioría absoluta no Parlamento de Galicia se as eleccións fosen hoxe. O PP sería o partido máis votado, co 41,1% dos votos e entre 34 e 37 escanos-a maioría está en 38-, pero baixaría 6 puntos sobre os resultados da última convocatoria electoral.
O PSdG-PSOE pasaría a ser a segunda forza do Parlamento galego cun 21,7% do apoio electoral-4 puntos máis- e obtería entre 17 e 19 deputados; En Marea baixa 3 puntos e tería o 16% dos votos, entre 12 e 13 escanos; Ciudadanos entraría no Parlamento, logo de obter un 8,6% dos votos e entre 4 e 6 deputados, e o BNG con un 7,6% do corpo electoral, faríase con entre 4 e 5 representantes.
Segundo estes datos, Alberto Núñez Feijóo, ou quen fose o candidato do Partido Popular nas vindeiras Eleccións, podería manter a Presidencia do Goberno de Galicia co apoio de Ciudadanos, algo que xa ocorre noutros lugares, coma na Comunidade de Madrid.