Técnicas e técnicos en Coidados Auxiliares de Enfermaría (TCAE) do Cunqueiro seguen cos peches de 24 horas no interior do hospital para rexeitar a decisión da Xerencia da Área Sanitaria de ”impoñerlles a obriga de transportar as bolsas de roupa sucia dende as portas dos cuartos até os puntos de recollida”, función que até o de agora asumía a empresa concesionaria do servizo de limpeza.
Un grupo de traballadoras e traballadores pasaron de novo a noite no vestíbulo do centro sanitario para “esixirlle á Xerencia que dea marcha atrás nunha decisión que está a provocar un empeoramento da calidade asistencia, xa que está nova función réstalles tempo de atención aos pacientes”.
Pola mañá, unha vez rematado o peche, recibiron a solidariedade dos compañeiros do servizo de limpeza e celebraron unha asemblea na que se decidiu convocar un novo peche de 24 horas para o vindeiro xoves, día 24, ao tempo que se acordou facer un chamamento a todas as categorías laborais para que participen nunha concentración ese mesmo día ao mediodía, na entrada principal do hospital.