Este domingo 20 de maio terá lugar a primeira quenda da terceira edición do programa gratuíto “Depo Andainas”, que organiza a Deputación de Pontevedra. O lugar escollido para esta primeira actividade será As Neves, onde participarán ao redor de 300 persoas que farán un percorrido circular de preto de 16 quilómetros e que terá unha duración aproximada de 3 horas e media.
Tratarase dunha actividade na que a vaga de lumes que arrasaron a provincia de Pontevedra o pasado mes de outubro terá unha importancia notoria, non só por se tratar nun concello que afectou a practicamente a totalidade do seu territorio (o 90%), senón tamén porque o percorrido incluirá unha actividade complementaria con esta temática.
As persoas asistentes asistirán a unha pequena charla na que se ofrecerá concienciación, sensibilización e prevención de lumes forestais, así como unha explicación sobre os factores que permitiron que as súas consecuencias e dimensións fosen tan devastadoras. Do mesmo xeito, as persoas que participen na primeira das “Depo Andainas” 2018 tamén aprenderán sobre o descubrimento dos petróglifos (únicos polas súas características) e das posibilidades de dinamización turística do Condado. Cada unha das actividades transversais enmárcanse dentro da campaña de promoción do destino Pontevedra Provincia “Somos Historias”.
Esta primeira ruta das “Depo Andainas” comezará na praza da Cristiandade (diante da Casa do Concello das Neves) cara aos montes da Paradanta en continuo ascenso. Estes montes, cuxa parte alta está devastada polos lumes, contan con vistas panorámicas da Paradanta e o Val Miñor e desde eles nalgúns momentos pode chegarse a ver o mar.
Tras catro quilómetros comezará o descenso cara aos muíños, a capela de San Bartolomeu, a lenda do castro aos seus pés, e continuará ata os achados de arte rupestre de Taboexa e A Coutada. Alí farase un pequeno avituallamento e volverase ata o centro da vila por un camiño distinto ao da ida.