Cultura

@depo_es aproba a adxudicación de 13 bolsas para que alumnas e alumnos da provincia amplíen, desde xullo, estudos en Alemaña, Italia, Irlanda e Portugal

O Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou a adxudicación de 13 bolsas de mobilidade no marco do proxecto da Deputación de Pontevedra “Erasmus + Prácticum Depo 2017”. En concreto serán 13 as mozas e mozos de centros educativos dos concellos de Pontevedra, Gondomar e Cangas, que participarán na cuarta mobilidade do proxecto con destino a Alemaña, Italia, Irlanda e Portugal.

A presidenta da Deputación informou que os alumnos e alumnas que partirán en xullo cara Alemaña, Italia, Irlanda e Portugal proceden dos centros educativos CFEA de Lourizán, IES Montecelo e IES A Xunqueira I de Pontevedra; IES Terra de Turonio de Gondomar e IES de Rodeira en Cangas. Silva recalcou que “o seu regreso está previsto para o mes de decembro, xa que a duración máxima das prácticas é de 182 días, máis ou menos seis meses”.

O grupo de mozas e mozos de Pontevedra, Gondomar e Cangas forma parte da cuarta mobilidade do proxecto “Erasmus + Practicum Depo 2017” que comezou en xuño de 2018 e rematará a finais de maio de 2019. En total, a institución provincial destina a esta cuarta mobilidade preto de 95.000€ para cubrir os gastos de desprazamento e estancia.

Carmela Silva sinalou que o proxecto “Erasmus + Practicum Depo”, que conta cun orzamento de 700.967€ , “ten por obxectivo impulsar a mobilidade das persoas por motivos de aprendizaxe”. Silva tamén lembrou que esta iniciativa “conta coa axuda da Dirección do Servizo Español para a Internacionalización da Educación” (SEPIE).

A través do programa de mobilidade de estudantes graduados e graduadas de Formación Profesional de ciclos medios pertencentes a distintas familias profesionais, a Deputación de Pontevedra colabora na súa integración no mundo laboral, a través de prácticas laborais en empresas e institucións estranxeiras.

También te puede interesar