A presidenta da Deputación de Pontevedra, acompañada da deputada delegada de Igualdade, Isaura Abelairas, inaugurou este sábado pola mañá a xornada “Infancia e adolescencia: unha cara oculta da violencia de xénero” organizada pola institución provincial, Concello de Pontevedra e Universidade de Vigo.
A xornada, enmarcada na programación da Escola de Igualdade María Vinyals e que ofrece a visión de expertas sobre as repercusións das violencias machistas na infancia e adolescencia, congrega durante todo o día de hoxe, a máis de 150 persoas relacionadas co ámbito educativo, a sanidade, a xustiza e traballadoras e traballadores dos Centros de Información á Muller.
Carmela Silva puxo en valor na súa intervención a necesidade de retomar os estudos estatísticos para coñecer a realidade da situación. Neste eido, a presidenta lembrou que “dende o ano 2008 non se están a recompilar datos estatísticos que permitan analizar o que está a acontecer coas violencias machistas, non se está a estudar o que está a acontecer coa violencia que padecen as nenas e os nenos de mans dos seus pais ou parellas das súas nais. E se non hai datos, estatísticas, non somos conscientes da realidade”.
Silva amosouse convencida de que “este século XXI vai ser o século das mulleres. Durante moito tempo as mulleres veñen denunciando a situación de inxustiza social que padecemos, a invisibilidade á que se nos somete, a necesidade de vivir nunha sociedade igualitaria, a situación de maltrato psicolóxico e físico que viven centos de milleiros de millóns de mulleres no mundo, e agora, no século XXI, é o momento no que toda esa herdanza recibida se converta en realidade”. Neste eido, a presidenta da Deputación reivindicou a necesidade de loitar con forza contra a desigualdade e impulsar medidas para garantir a equidade e salvagardar a vida das mulleres e das súas crianzas.
A xornada “Infancia e adolescencia: unha cara oculta da violencia de xénero” vai dar a coñecer os resultados dun traballo de investigación, incluído no proxecto REDES da Universidade de Vigo, relativo a diferentes aspectos da violencia machista exercida sobre a infancia e a mocidade. Tamén ofrece a visión de diversas expertas nos ámbitos da psicoloxía, educación, saúde, xustiza e do mundo asociativo sobre esta problemática, así como proporciona elementos de debate e ferramentas para a prevención e intervención.
Neste eido, conta coa participación de Ángeles Parrillo, Azucena Arias, Daisy Alcalde, Iria Vázquez, Sonia Vaccaro, Marivía Fernández, Lola Ferreiro, Paz Filgueira e Estrela Gómez baixo a coordinación de María Álvarez Lires.