Comarcas

15 centros da provincia de Pontevedra participarán no V Campionato de Formación Profesional ‘GaliciaSkills 2018’

15 centros educativos da provincia de Pontevedra participarán no V Campionato Galego de Formación Profesional, GaliciaSkills 2018, organizado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

No campionato, que se celebrará o vindeiro mes de novembro no recinto da Feira Internacional de Galicia Abanca, en Silleda,  tomarán parte, pola provincia, 39 alumnas e alumnos. “A competición busca darlle unha maior proxección e difusión á FP que se imparte en Galicia, e que en anos anteriores ten colleitado amplos éxitos na edición a nivel nacional, SpainSkills”, sinalan dende o Goberno galego.

Os centros participantes pola provincia de Pontevedra serán o IES de Vilalonga (Sanxenxo), CIFP Valentín Paz Andrade (Vigo), IES Politécnico de Vigo (Vigo), IES Salvaterra de Miño (Salvaterra de Miño), IES Antón Losada Diéguez (A Estrada), CIFP A Granxa (Ponteareas), IES Montecelo (Pontevedra), IES Fermín Bouza Brey (Vilagarcía de Arousa), IES Marco do Camballón (Vila de Cruces), IES de Valga (Valga), IES Pazo da Mercé (As Neves), CPR Plurilingüe Montecastelo (Vigo), CIFP Manuel Antonio (Vigo), IES Frei Martín Sarmiento (Pontevedra) e o CIFP Carlos Oroza (Pontevedra).

O campionato, de carácter eminentemente práctico, consistirá no desenvolvemento de 25 competicións relacionadas coas especialidades (skills) de formación profesional, nas que o alumnado participante medirá as súas destrezas e demostrará as súas capacidades na realización das correspondentes probas.

En concreto as especialidades convocadas son as de Pintura do automóbil, Tecnoloxía do automóbil, Ebanistaría, Carpintaría, Mecatrónica, Enxeñaría de deseño mecánico-CAD, Mecanizado, Electrónica, Administración de sistemas en rede, Solucións de software para empresas, Control industrial, Instalacións eléctricas, Soldadura, Panadaría, Servizo de restaurante e bar, Cociña, Fontanería e calefacción, Refrixeración e aire acondicionado, Peiteado, Floraría, Coidados auxiliares de enfermaría, Tecnoloxía da moda, Pintura e decoración, Xardinaría paisaxística e Recepción hoteleira. Ademais, haberá unha demostración de Animación 3D e xogos.

También te puede interesar