A investigación dunha neuróloga do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (CHUVI) descubriu que os pacientes con determinadas enfermidades raras teñen un maior risco de sufrir afeccións ou danos cerebrovasculares. O estudo, pioneiro no seu xénero, plasmouse na tese da doutora Inés González, que obtivo ‘Sobresaínte cum laude’ na Universidade Autónoma de Madrid.
A tese, co título “Afectación neurológica nas vasculitis ANCA positivas”, serviu xa para a realización de dúas publicacións de carácter internacional e outras dúas máis están en fase de preparación.
Segundo explica a doutora González Suárez, “as vasculite con anticorpos anti neutrófilo (ANCA), son un grupo heteroxéneo de enfermidades caracterizadas pola inflamación dos vasos sanguíneos de pequeno e mediano calibre, que afecta preferentemente a pulmón e ril”.
A hipótese inicial do traballo consistiu en que os pacientes que presentaban este tipo de enfermidade rara, e de orixe descoñecida, podían padecer afectación do sistema nervioso con maior frecuencia da que se puidese sospeitar debido a que na maioría dos casos non presentan síntomas.
“Xunto cos meus titores fixemos un protocolo polo cal mediante avaliación clínica e probas específicas complementarias analizáronse en profundidade, diferentes aspectos do sistema nervioso periférico dos pacientes”, sinala a neuróloga do CHUVI. A función cognitiva, a afectación cerebrovascular, a afectación do sistema nervioso ou a calidade de vida foron algúns deses factores.
Os resultados deste traballo confirmaron que os pacientes coa mencionada patoloxía presentaban enfermidade cerebrovascular de forma máis frecuente que a poboación en xeral e cun peor rendemento cognitivo.
Novidade
O novo do estudo é que arroxa novos datos sobre o posible dano cerebrovascular en pacientes con vasculite ANCA, “polo que se debe extremar a vixilancia dos factores de risco neste tipo de pacientes para previr eventos máis graves”, explica a doutora González Suárez.