O Servizo Galego de Saúde (SERGAS) está a poñer en marcha nos seus centros de saúde un sistema de xestión de turnos de consulta e contidos multimedia denominado ‘Quendas’, que xa a está a ser utilizado por 972 profesionais sanitarios -pediatras, médicos de familia, persoal de enfermería ou farmacéuticos- de 24 centros de saúde.
Trátase dun sistema organizado de chegada dos pacientes ás consultas, que facilita e ordena o acceso, protexendo os datos e a intimidade da poboación. Na actualidade, xa está en marcha nos centros de saúde do Ventorrillo, Carballo, Os Mallos e San José, da Xerencia do Sergas na Coruña; Fontenla Maristany, Narón e Fene, da Xerencia de Ferrol; Illas Canarias, Fingoi e Monforte, da Xerencia de Lugo; A Ponte, Valle-Inclán e Verín, da Xerencia de Ourense; Virxe Peregrina, San Roque-Vilagarcia e A Parda, da Xerencia de Pontevedra; Ribeira, Fontiñas, Concepción Arenal, Brión e Lalín, da Xerencia de Santiago; e Rosalía de Castro, Coia e A Doblada, en Vigo.
‘Quendas’ permite que a persoa que acude á cita solicitada acceda xa á súa quenda cando chega ao centro sanitario, coa súa Tarxeta Sanitaria, nas máquinas habilitadas para iso. Estas máquinas imprimen un papel cun código que se corresponde coa consulta á que hai que se dirixir e a quenda correspondente. Cando se chega á sala de espera, unha pantalla reflicte eses códigos, e indica cando corresponde o inicio da atención e a que porta dirixirse. En paralelo, o listado de códigos de citas vanse movendo cun son de aviso, para alertar o paciente está a agardar.