Na primeira fin de semana, o dispositivo municipal funcionou con normalidade, segundo sinalou este luns o segundo tenente de alcalde, con presenza de dúas patrullas da Policía Local tanto o sábado coma o domingo.
O plan do Concello, lembrou David Regades, contempla a vixilancia policial no entorno de Torrecedeira, unha mellora da iluminación, da limpeza e dos xardíns, presenza de catro Coidadores de Barrio na zona e tamén a execución de humanizacións e investimentos.
Estas obras, engadiu, ascenden a 6.450.000 euros e mellorarán a situación do entorno. Así, o goberno de Vigo ten xa en obras a remodelación do parque Camilo José Cela cun investimento de 2,8 millóns de euros, cun elevador que dará continuidade ao ascensor xa operativo entre Pi y Margall e Camelias, unha reforma que inclúe ademais cámaras de seguridade nos embarques ao elevador, novo pavimento, unha gran área de xogo infantil, arborado e espazos verdes, e novas canalizacións de pluviais, rego, saneamento e drenaxe, xunto a alumeado LED máis eficiente.
O Concello continúa coa humanización de Marqués de Valterra, cun orzamento próximo ao millón de euros e que tamén suporá a instalación dun ascensor de conexión con Torrecedeira. Unha medianeira será decorada no marco do programa municipal “Vigo Cidade de cor”, ao que hai que engadir, lembrou Regades, que o goberno vigués mellorou o acceso ao colexio Ramón y Cajal.
O tenente de alcalde anunciou o inicio “inmediato” da humanización de Camilo José Cela, con case 700.000€ de investimento, e a licitación “en breve” da remodelación da rúa Pazos, con case 200.000€ de orzamento para o tramo comprendido entre Menéndez Pelayo e López Mora. Por último, o Concello acometerá a renovación do abastecemento e do saneamento en Baixada a Pontillón con máis de 150.000€.