Representantes das asociacións veciñais de Teis e de Chapela, veñen de presentar un escrito conxunto no Rexistro da Delegación da Xunta en Vigo, dirixido ao José Luis Ábalos Meco, novo Ministro de Fomento, solicitando a supresión da peaxe Rande-Vigo pendente de concreción dunha data, a conversión en tramo urbano da autoestrada AP-9 desde Padín até o centro da cidade e medidas contra a contaminación acústica.
A Asociación Veciñal de Teis, esixe que o Ministerio, concrete unha data para a supresión da peaxe, “logo de case seis meses de anunciar a supresión da mesma”. Hai que lembrar que o pasado 23 de xaneiro, o Ministerio de Fomento aceptaba a reivindicación de liberar a peaxe e en marzo, informaban que estaban negociando con Audasa unha posíbel contrapartida.
As dúas asociacións subliñan que a eliminación da peaxe debe abranguer a conversión en tramo urbano da autoestrada AP-9 desde Padín até o centro de Vigo e medidas contra a contaminación acústica, empezando pola aprobación definitiva da 2ª fase do Plan de Acción contra o Rúído.