As consecuencias da folga convocada polas Técnicas/os en Coidados Auxiliares de Enfermaría (TCAE) do hospital Álvaro Cunqueiro para “rexeitar a obriga de trasladar as bolsas da roupa sucia” van en aumento, segundo indican dende a CIG, xa que a “falta de persoal obrigou hoxe a suspender máis intervencións cirúrxicas e probas non urxentes que na primeira xornada de paro”.
Segundo a central sindical, o paro deixouse sentir no centro sanitario, até o punto de que “a falta de persoal obrigou a suspender 14 operacións e a pechar as Reas 3 e 4. Ademais, suspendéronse todas as endoscopias de mañá e de tarde que non eran urxentes”.
Pola súa banda, a comisión de centro salienta o feito de que “a incidencia do paro está a ser máis alta que na xornada anterior e valora moi positivamente o amplo seguimento rexistrado entre as traballadores”.