O goberno de Ponteareas vén de denunciar ante a Garda Civil a desaparición e apropiación dun vehículo todoterreo cedido pola Xunta de Galicia ao Concello, no ano 2003, para uso da Policía Local, e solicita a baixa temporal do vehículo en Tráfico.
Segundo informa o propio goberno local, unha multa de tráfico por non terse sometido o vehículo reseñado á inspección técnica periódica e tampouco terse detido ao tentalo parar os axentes da Garda Civil “destapou a existencia dun vehículo do que, ata o de agora, non tiña constancia o goberno de Ponteareas”.
Trátase dun Nissan Terrano II, un vehículo cedido pola Xunta de Galicia ao Concello en propiedade segundo o establecido na orde do 9 de abril de 2003. Este vehículo supuña un apoio aos corpos da Policía Local de Galicia e foron moitos os concellos que se beneficiaron destas cesións.
Coa chegada desta multa e dunha seguinte por exceso de velocidade comezáronse as pertinentes xestións e o goberno procedeu á súa denuncia que, segundo a información recollida, “o vehículo desapareceu alomenos no ano 2010, no que o Concello deixou de aseguralo. Non se descarta que esta desaparición estea relacionada coa compra, a prezo simbólico, dun vehículo Citroen C-15, pero o Concello non podía dispor do todoterreo, pois a día de hoxe aínda é a Xunta de Galicia a propietaria do vehículo desaparecido”