575 persoas inscribíronse no segundo proceso selectivo dirixido a persoas con discapacidade intelectual que convoca a Xunta de Galicia, e que optarán ás 24 prazas de emprego fixo na Administración galega, segundo informou este venres o director xeral da Función Pública
José María Barreiro, que compareceu no Parlamento sinalou que Goberno galego está a facer un importante esforzo neste eido, en colaboración coa Federación galega de asociacións a favor das persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento (Fademga) e Down Galicia.
O obxectivo último é impulsar a inserción laboral do colectivo de persoas con discapacidade intelectual. Barreiro recalcou que, ademais da demanda social, resulta necesario dar cumprimento ao mandato do lexislador no que se refire á política social en materia de discapacidade, garantindo o dereito á igualdade de oportunidades e trato.
En termos porcentuais, o director xeral sinalou que a cota de reserva da oferta de emprego para persoas con discapacidade na Xunta de Galicia acada unha porcentaxe do 8,68% do total, de xeito que un 2,24% das prazas son cubertas por persoas que acreditan discapacidade intelectual, mentres que o 6,44% restante resérvase para persoas que acrediten calquera outro tipo de discapacidade.
Bolsa de contratación temporal
Ademais, xa está en marcha unha bolsa de emprego na Xunta para a provisión temporal de postos de traballo por persoas que acrediten discapacidade intelectual e que foran admitidas nas anteriores oposicións convocadas para este colectivo. Para aplicar esta iniciativa publicouse o 27 de xuño no DOG a Resolución da Dirección Xeral da Función Pública pola que se acorda a apertura dunha lista para a incorporación de solicitudes para a contratación temporal de persoal laboral da Xunta do grupo V, categoría 003 (ordenanza e outras). O prazo de presentación de solicitudes nesta lista estará aberto ata o 15 de xullo, e a inscrición é gratuíta.