O 061 asistiu durante a fin de semana a 74 persoas debido a 53 accidentes de tráfico ocorridos nas estradas galegas entre as 3 da tarde do venres, días 6, e as 12 menos un minuto da noite deste domingo, 8 de xullo.
A Central de Coordinación do 061 recibiu nestes días 63 chamadas en relación cos accidentes de tráfico. Estas alertas xeraron 53 asistencias sanitarias por parte do persoal do 061 que atenderon un total de 74 persoas.
Os recursos sanitarios mobilizados polos médicos que atenderon as chamadas na Central de Coordinación do 061 foron 69. Así, a ambulancia asistencial de soporte vital avanzado acudiu en tres sinistros, o helicóptero medicalizado atendeu en dous ocasións, as ambulancias asistenciais de soporte vital básico mobilizáronse en 55 sinistros e os médicos de Atención Primaria que medicalizan as ambulancias asistenciais de soporte vital básico do 061, no caso de necesitalo, prestaron asistencia sanitaria en oito accidentes. As ambulancias convencionais asistiron nunha ocasión.
En 66 casos os feridos foron trasladados aos centros sanitarios correspondentes, en cinco ocasións atendeuse no propio lugar do incidente e tres persoas resultaron falecidas.