O 061 asistiu durante a fin de semana a 79 persoas debido a 49 accidentes de tráfico ocorridos nas estradas galegas dende as 3 da tarde do venres, 13 ata as 12 menos un minuto da noite deste domingo, 15 de xullo.
A Central de Coordinación do 061, que xestiona e coordina os servizos prehospitalarios en casos de urxencia e emerxencia en Galicia, recibiu nestes días 59 chamadas en relación cos accidentes de tráfico. Estas alertas xeraron 49 asistencias sanitarias por parte do persoal do 061 que atenderon un total de 79 persoas.
Os recursos sanitarios mobilizados polos médicos que atenderon as chamadas na Central de Coordinación do 061 foron 64. Así, a ambulancia asistencial de soporte vital avanzado acudiu en seis sinistros, as ambulancias asistenciais de soporte vital básico mobilizáronse en 54 sinistros e os médicos de Atención Primaria que medicalizan as ambulancias asistenciais de soporte vital básico do 061, no caso de necesitalo, prestaron asistencia sanitaria en tres accidentes. As ambulancias convencionais asistiron nunha ocasión.
En 74 casos os feridos foron trasladados aos centros sanitarios correspondentes, en catro ocasións atendeuse no propio lugar do incidente e unha persoa resultou falecida.