Agardarán ao resultado da mediación que terá lugar o venres
Os cadros de persoal do mantemento de parques e xardíns do Concello de Vigo e da recollida do lixo do Concello de Nigrán decidiron este martes adiar as folgas indefinidas previstas nestes servizos a partir deste xoves, día 26 de xullo, “polo bloqueo nas negociacións do convenio colectivo á espera do resultado da mediación que terá lugar o venres”.
Nigrán
No caso da recollida do lixo e limpeza viaria e de praias de Nigrán foi o propio alcalde da localidade o que solicitou o adiamento do paro na xuntanza celebrada esta mañá coa representación sindical despois de que empresa e traballadores achegasen posturas unha vez que a dirección amosouse disposta a aumentar a suba salarial até o 4% total nos tres anos de duración do novo convenio, aínda que existen diferencias en canto ao pago da antigüidade. Deste xeito, o cadro de persoal optou por adiar o comezo da folga ás 11 da noite do venres no caso de que pola mañá non se chegue a un acordo coa mediación da Consellaría de Traballo.
Vigo
Con respecto ao servizo de mantemento dos parques e xardíns de Vigo, os traballadores suspenderon a folga até que non se celebra a mediación prevista na Inspección de Traballo para o xoves ás 10 e media da mañá. Ao día seguinte, ás 7, celebrarán unha asemblea na sede da empresa para analizar o resultado do encontro e decidir se continúan adiante coa folga.