A última quenda do campamento de verán “Depo Aventura A Lanzada”, no que participarán 200 nenos e nenas de todos os puntos da provincia, comezou este domingo e clausurarase o próximo sábado 8 de setembro. Este programa da Deputación de Pontevedra, que está destinado a nenas e nenos de entre 8 e 13 anos, desenvólvese no Centro de Vacacións da Lanzada.
A principal novidade do Depo Aventura desta edición vén dada pola reposta e o compromiso adquirido tras a vaga de lumes que asolou a provincia o ano pasado de introducir actividades de formación e educación ambiental. Por iso, en cada unha das quendas haberá unha actividade centrada na concienciación sobre a posta en valor dos montes e na prevención dos lumes.
En total, as prazas ofertadas pola institución provincial para este campamento de verán ascenderon a 2.200, sendo 300 delas gratuítas para aquelas familias que se atopen en situación ou risco de exclusión social.
Xunto a esta actividade, os campamentos da Deputación tamén están orientados á consecución de hábitos saudables, ao fomento de actitudes solidarias e de convivencia, á promoción da educación e da igualdade de xénero e ao fomento do respecto ao medio ambiente.