O ‘Plan Revitaliza’ da Deputación de Pontevedra vai permitir ao Concello de As Neves mudar o seu modelo de xestión de lixo e compostar todos os biorresiduos da súa veciñanza a primeiros de 2019.
Este luns, o vicepresidente César Mosquera, o alcalde das Neves, Xosé Manuel Rodríguez, e a presidenta da asociación ecoloxista Adega, Virxinia Rodríguez, asinaron un convenio de colaboración polo que nos vindeiros meses se van realizar charlas de formación sobre compostaxe e repartir 1.300 composteiros individuais entre as familias da vila que dispoñen de casa con horta, co obxectivo de que pasen a compostar o seu residuos orgánicos en lugar de depositalos nos colectores verdes.
Coa distribución dos 1.300 composteiros individuais e a instalación dos cinco centros de compostaxe comunitaria, o Concello de As Neves será un dos primeiros da provincia -xunto con Vilaboa, Mondariz, Mondariz Balneario, O Grove e Pontevedra- e de todo o Estado que compostará todos os seus biorresiduos. Deste xeito cumplirá coa normativa sobre biorresiduos tanto da Unión Europea como a súa transposición estatal, que obriga a que os concellos recollan de xeito separado o 100% do lixo orgánico e o traten de xeito específico en 2020.
Os 1.300 composteiros individuais distribuiranse á par das xornadas de formación para a veciñanza que desenvolverán os mestres e mestras composteiras da Deputación xunto co persoal de Adega. Iranse programando encontros de xeito sucesivo nas parroquias e servirán para que, ademais de adquirir coñecementos, os propietarios de vivendas con horta recollan o seu composteiro xunto co material necesario para compostar (aireador, termómetro, guía…).
O convenio asinado hoxe entre Deputación de Pontevedra, o Concello de As Neves e a asociación ecoloxista Adega para realizar todo este traballo ascende a 92.430 euros, unha cifra que se suma á axuda económica de 197.597,39 euros concedida pola Deputación ao Concello de As Neves para desenvolver o Plan Revitaliza (o 87,06% do orzamento solicitado para mercar composteiros individuais, colectivos e materiais complementarios).
Nestes momentos o Concello de As Neves ten instalado un centro de compostaxe comunitaria na rúa da Esperanza na que están a depositar os seus biorresiduos 80 familias da vila.