O presidente do Goberno de Galicia adiantou este xoves que os 32.500 docentes da Educación Pública galega – funcionarios de carreira, interinos e substitutos de todos os corpos docentes- comezarán a percibir na nómina de outubro unha suba salarial lineal de ata 1.260€ ao ano, cantidade que se consolidará en 2021.
O presidente Feijóo salientou que isto supón 90€ ao mes en 14 pagas e nun incremento porcentual medio do 4%, logo un investimento de 41,4 millóns de euros e que foi autorizado hoxe polo Consello da Xunta, o que permitirá cumprir o acordo entre o Goberno galego e os sindicatos Comisións Obreiras e UGT o pasado mes de xullo.
O xefe do Executivo indicou que esta suba salarial irase implantando de xeito paulatino ata o ano 2021 deste xeito: entre outubro e decembro deste ano, a suba vai ser de 15€ ao mes; dende o 1 de xaneiro de 2019 aplicaranse outros 20€ mensuais máis; ao longo de 2020, o incremento será doutros 25€ e, finalmente, o 1 de xaneiro de 2021 procederase á última suba, de 30€ mensuais.