A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, xunto ao vicepresidente provincial, César Mosquera, deron a coñecer este xoves pola mañá do orzamento para o 2019 da institución que ascende a case 158 millóns de euros.
O orzamento, que segundo a presidenta e o vicepresidente segue as liñas de atención á cidadanía e desenvolvemento marcadas no acordo de goberno aprobado ao inicio do mandato, “supón –tal e como indicou Silva- un esforzo como nunca antes se fixo para cubrir as demandas dunha provincia do século XXI”.
Carmela Silva especificou que o orzamento para o 2019 será de 157.962.348 euros que, se inclúe o consolidado (é dicir, a Escola de Enfermería e os dous Consorcios de Protección contra Incendios) ascende a 161.384.163 euros, cumprindo todos os requisitos de estabilidade orzamentaria, regra de gasto e límite de débeda que establecen as leis do Estado.
Silva salientou que “cando chegamos á Deputación a mediados do 2015 o orzamento estaba practicamente esgotado. Nós decidimos incrementalo no 2016 e ir aumentándoo de xeito constante ano tras ano e isto da man da redución da débeda”. Deste xeito, explicou que en catro anos vanse reducir 32 millóns de euros de débeda, xa que ao inicio da lexislatura era de 39 millóns de euros, nestes momentos é de 12 millóns de euros e se espera descenda aos 7 millóns de euros ao remate do 2019. Amais, xunto á redución da débeda tamén se da unha redución do gasto corrente ao pasar dun incremento do 8,3% no 2015 ao 1,65% previsto para o 2019.
Tamén adiantou a presidenta datos pormenorizados por servizos e iniciativas. Neste eido, Silva comezou falando do Plan Concellos: “o noso plan estrela de transferencia aos concellos que no 2019 vai ter 43,4 millóns de euros, é dicir, un incremento do 3% con respecto ao 2018”. Máis polo miúdo, o Plan Concellos terá unha dotación de 9,5 millóns de euros para emprego, 30 para investimentos e 3,9 millóns para actividades e gasto corrente.