Comarcas

Javier Bas recolle en Oviedo o galardón de UNICEF que recoñece a Redondela coma ‘Cidade Amiga da Infancia’

O alcalde, Javier Bas, recolleu este martes no Pazo de  Exposicións e Congresos de Oviedo, o galardón que recoñece a Redondela coma ‘Cidade Amiga da Infancia’, distinción outorgada por UNICEF e que so acadaron 8 concellos de toda Galicia.

Hai que lembrar que na reunión celebrada este o pasado, 25 de outubro, a Secretaría Permanente do Programa Cidades Amigas da Infancia (CAI), representada por membros pertencentes a Comité Español de UNICEF, Ministerio de Sanidade, Consumo e Benestar Social, Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) e o Instituto Universitario de Necesidades de Dereitos da Infancia e a Adolescencia (IUNDIA), acordou galardoar ao Concello de Redondela  co Recoñecemento ‘Cidade Amiga da Infancia’ no marco da VIII Convocatoria de Recoñecementos 2018-2022.

UNICEF sinala que “o recoñecemento pon en valor o labor do Concello, en coordinación coas entidades locais e cos nenos e nenas, para liderar o proceso continuo de implementación de políticas e medidas que melloran o benestar da infancia e adolescencia no municipio”. O de Redondela é un dos Gobernos Locais que vén de situar á Infancia no centro das súas políticas públicas.

UNICEF sinala que na actualidade, o 41% das nenas, nenos e adolescentes que viven  en España, son veciñas e veciños dunha Cidade Amiga da Infancia.

Logo de recoller a distinción, o alcalde amosou o seu agradecemento a “todos os centros de ensino, colexios e institutos de Redondela, ás súas alumnas e alumnas, profesoras e profesores, nais e país, que fixeron posible que se levasen a cabo todas as iniciativas e actuacións que nos levaron a obter este nomeamento”.

También te puede interesar