A presidenta da Deputación, xunto ao editor Henrique Alvarellos, o arqueólogo e coautor, Rafael Rodríguez, e alcaldes e alcaldesas da provincia, presentou este domingo no marco de “Culturgal” o libro “Galaicos, un pobo entre dous mundos”, a obra que recolle a ambiciosa exposición que desde o pasado outubro pódese ver no Museo Arqueolóxico Nacional de Madrid, e que na vindeira primavera trasladarase ao Museo Íbero de Jaen e ao Museo de Valencia antes de volver a Pontevedra para ser acollida polo Museo Provincial.
Carmela Silva salientou que “Galaicos” e moito máis que un libro ou unha exposición á que deben asistir, unha historia que deben coñecer ou un recurso turístico que deben visitar. “Estamos ante un fito que marca un antes e un despois na mirada que a cidadanía debemos ter sobre o noso pasado pero tamén na mirada que os e as visitantes deben ter sobre o potencial de Pontevedra Provincia”.
A presidenta lembrou que “Galaicos” é a proba de que sempre fomos unha cultura aberta e creativa que ocupou unha posición central fai 2000 anos. “Sempre nos contaron que a cultura importante era a mediterránea pero non era certo, amósao a investigación e os descubrimentos nos nosos xacementos. A atlántica foi potentísima e neste recuncho do mundo se encontraban ambas as dúas”.
Silva citou a Plinio el Viejo “que dicía que se atopou cunha cultura matriarcal, democrática, avanzada. Fixéronnos crer que eramos a periferia e era falso. Hoxe sa sabemos que as Cassitérides estaban aquí e ninguén se atreve a negalo”. A presidenta da Deputación animou a mercar o libro porque “é apostar por nós, polo que somos. Fala da pegada que deixaron na nosa cultura como a que a nosa deixou nelas. Falan da nosa lingua, da nosa xente, de comercio e de economía. Galaicos conta historias e amosa imaxes das que estamos namoradas e namorados pero da que queremos que se namoren en todo o planeta”, dixo.