O alcalde presentou este venres a nova app Vigo, creada como unha nova “canle directa e bidireccional de comunicación” coa cidadanía, que permite recibir avisos diarios sobre cuestións como o tráfico, a cultura, noticias ou o emprego e ademais fai posible que a as veciñas e veciños participen na mellora da cidade remitindo, a través da aplicación, avisos e suxestións da mellora, que serán canalizados a través do servizo de atención cidadá 010.
A app conta con información de máis de 5.000 elementos da cidade e acceso a datos actualizados diariamente e tamén en tempo real, caso do tráfico, as cámaras do Concello e a chegada dos autobuses urbanos, entre outros.
A aplicación Vigo aglutina todos os servizos da cidade, como a axenda de eventos, as noticias e os avisos. Tamén proporciona información do tempo, do rueiro, dos parques, praias, fontes e mercados da cidade, así como das instalacións deportivas, culturais e deportivas coas que Vigo conta. O apartado de turismo inclúe os lugares de interese, aloxamentos, lecer, restaurantes, compras…
No tocante á mobilidade, esta ferramenta proporciona os tempos de chegada do autobús urbano ás paradas a tempo real, informa das liñas e permite calcular as rutas. Igualmente o usuario pode acceder á información sobre os taxis, aeroporto, tren e barcos, xunto a toda a información relativa ao tráfico -aparcamentos, puntos de recarga, gasolineiras, planificación de rutas, cámaras e un mapa co estado do tráfico na cidade a tempo real-
A app Vigo permite ao usuario enviar ao Concello avisos e suxestións de mellora, achegando fotos e facendo un seguimento do estado da tramitación. Nesta plataforma pode coñecerse tamén as convocatorias, subvencións e ofertas de emprego da administración municipal, así como os trámites co Concello, con información e accesos a todos os habilitados da sede electrónica.