Cultura Galicia

A Consellería de Educación convoca 11.020 prazas para a acreditación de competencias profesionais

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional vén de publicar no Diario Oficial de Galicia a convocatoria do proceso de acreditación de competencias profesionais, adquiridas polas persoas no desenvolvemento do seu traballo ou por outras vías non formais de formación.

A superación deste proceso permitirá a obtención da acreditación de unidades de competencia do Catálogo Nacional de Cualificacións Profesionais e as correspondentes equivalencias en módulos profesionais. Deste xeito contribúese a mellorar a inserción laboral das persoas, ademais de facilitarlles completar a formación para a obtención dun título de FP.

O prazo de presentación de solicitudes estará aberto entre o 14 de xaneiro e o 7 de febreiro, ambos días incluídos. O proceso de acreditación desenvolverase, ao igual que noutras ocasións, nos centros integrados de formación profesional e estará dividido en tres fases: asesoramento, avaliación da competencia profesional e acreditación e rexistro da mesma. A información sobre o procedemento pode consultarse no Portal de FP .

Para acceder a este procedemento, as persoas candidatas deberán ter experiencia laboral ou formación relacionada coas competencias profesionais que se queiran acreditar e non poderán estar matriculadas nun curso de formación profesional inicial (ordinario ou modular) ou realizando formación profesional para o emprego, conducente á acreditación das devanditas unidades. Tampouco poderán posuír un título de formación profesional ou un certificado de profesionalidade que conteña as unidades que solicita, nin as súas equivalentes. Ademais, non poderán estar inscritas noutro procedemento de recoñecemento da experiencia profesional nin en probas libres para a obtención dun título de FP.

Te podría interesar