O Servizo Galego de Saúde (SERGAS) vai poñer en marcha, a partir do vindeiro luns, día 17, a posibilidade de que os galegos poidan acceder e descargar as súas probas diagnósticas de imaxe tales como TACs, resonancias ou radiografías.
Poden acceder e descargarse as probas diagnósticas os usuarios con tarxeta sanitaria do Sergas que teñan creada unha conta na plataforma É-Saúde, ben como titulares ou ben con autorización de acceso delegado. A identificación require nivel alto de seguridade e, polo tanto, pode realizarse mediante DNI ou certificado da FNMT ou CHAVE 365. Nestes dous últimos casos, deben ter solicitado o acceso no seu centro de saúde. Así mesmo, mantéñense os criterios de acceso para os pacientes do resto de informes e probas diagnósticas, tras visita médica presencial ou telefónica rexistrada polo seu profesional ou, no seu defecto, pasados 30 días dende a data de xeración do informe.
Debe terse en conta a complexidade tecnolóxica do proceso, polo que cada paso do mesmo se explica no apartado axuda (preguntas frecuentes) de É-Saúde, insistindo en que só pode visualizarse dende un PC, e que a descarga consume moitos datos, polo que se recomenda que se realice dende un ordenador.