O farmacéutico do Centro de Saúde de Beiramar, Antonio Carrera, autor principal do estudo, revisou as prescricións de pacientes que son tratados con estes novos anticoagulantes, medicamentos que precisan a homologación sanitaria
Un estudo realizado por un farmacéutico de Atención Primaria da área sanitaria de Vigo obtivo o primeiro premio das comunicacións que se presentaron no recente congreso nacional da especialidade, celebrado en Valencia.
O traballo consistiu en comprobar se as doses dos novos anticoagulantes orais que se administran aos pacientes con fibrilación auricular non valvular adecúanse as que figuran nas fichas técnicas dos medicamentos e, de non selo, a influencia de distintas variables como sexo, idade ou tipo de anticoagulante.
Para iso, o farmacéutico do Centro de Saúde de Beiramar, Antonio Carrera, autor principal do estudo, revisou as prescricións de pacientes que son tratados con estes novos anticoagulantes, medicamentos que precisan a homologación sanitaria. A investigación contou coa pertinente autorización do Comité Ético de Investigación Clínica Autonómico.
O estudo levouse a cabo en tres áreas sanitarias de Galicia coa colaboración de dous farmacéuticos doutras áreas: Pedro Chicano (A Coruña) e Beatriz Martínez (Santiago). Os datos obtivéronse durante o proceso asistencial de homologación de receitas dos anticoagulantes, cando compren os criterios de financiación establecidos polo SNS, para a indicación de fibrilación auricular non valvular. Analizáronse os datos de 544 pacientes de 13 centros de saúde galegos, 3 deles de Vigo (Beiramar, Pintor Colmeiro e Nicolás Peña) no período comprendido entre os meses de marzo a maio deste ano.
Conclusións
A administración dos novos anticoagulantes orais (NACO) realízase principalmente mediante unha dose estándar, aínda que a determinados pacientes se lles administra unha dose reducida destes medicamentos, en función das súas características.
De acordo cos datos obtidos no estudo, a maioría dos pacientes (80%) están a tratarse coa dose recomendada. Pero este porcentaxe foi significativamente inferior no grupo de anciáns (76%) en comparación co grupo de non anciáns (87%). O motivo é unha maior utilización da dose reducida no grupo de anciáns (idade maior ou igual a 75 anos).
“Este tipo de estudos observacionais aporta información útil sobre os patróns de tratamento que se dan na práctica real, que non sempre coinciden cos dos ensaios clínicos de medicamentos”, explica o farmacéutico da EOXI de Vigo, Antonio Carrera.
A área sanitaria de Vigo conta con 12 farmacéuticos de Atención Primaria, dos que 4 prestan servizo nos centros de saúde do concello vigués e os 8 restantes fano nos centros sanitarios das cabeceiras de comarca, que coinciden coa existencia dun PAC nesa localidade.