A Asociación Veciñal de Teis, informa que a Concellaría de Seguridade e Mobilidade de Vigo impedirá, dende o 3 de xaneiro, o paso de tráfico rodado no Camiño da Xorxa e da Trapa, nos pasos elevados sobre a autoestrada AP-9.
O Goberno local, asegura a asociación, toma esta decisión logo de que a demarcación de estradas do Estado en Galicia, que depende do Ministerio de Fomento, contestará a un escrito do Concello sobre o mantemento dos pasos elevados sobre a AP-9, sinalando a demarcación que estes pasos elevados, son pasarelas peonís.
“Estes pasos elevados sobre o camiño da Trapa e da Xorxa, comunican ambos camiños e desde a súa construción son usados pola veciñanza como paso peonil e de turismos” e, por tanto, “esta medida supón un grave prexuízo a veciñanza destes camiños e a que circula polos mesmos desde hai décadas. De súpeto, unhas pasarelas realizadas pola construción autoestrada e que repoñían os camiños existentes pasan a ser pasarelas peonís”.
A Asociación Veciñal de Teis sfirma que si estas infraestruturas presentan algún deterioro polo paso dos anos, a decisión debe ser reformar e mellorar estes pasos elevados, non impedir o paso de vehículos, causando molestias a veciñanza.
“A construción da autoestrada AP9, no seu día xa provocou graves danos a veciñanza de Teis, dividindo a parroquia, derrubando casas, eliminando camiños e agora pretendese incomunicar a veciñanza destes camiños”.
Dende a Asociación vecinal amósase a súa oposición e os seus responsábeis lembran que “solicitamos por escrito a ambas administracións manter unha xuntanza urxente” para tratar este tema.