A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar as bases de 2019 para a concesión de préstamos sen xuros, por concorrencia competitiva, para os concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes, cun crédito inicial dun millón de euros.
Estas achegas teñen por obxectivo facilitarlle aos concellos unha fonte de financiamento adicional co que poder afrontar, preferentemente, a execución de investimentos e, excepcionalmente, as operacións de tesourería para facer fronte a desfases transitorios ou necesidades urxentes.
Nos últimos tres anos beneficiáronse destes créditos preto de 20 concellos da provincia. O total de entidades locais que se acolleron aos préstamos no que vai de lexislatura son: Catoira, Fornelos de Montes, A Guarda, Oia, Nigrán, Ponte Caldelas, Arbo, Ponteareas, A Lama, Poio, Valga, Cuntis, Vilanova de Arousa, Salceda de Caselas, Silleda, Pazos de Borbén e A Cañiza.