Portos de Galicia recolleu ao longo dos últimos meses un total de 63.000 quilos de residuos dos fondos mariños de 15 peiraos autonómicos . Así o comunicou presidente do ente público, José Juan Durán, nunha rolda de prensa na sede do organismo portuario en Santiago para facer balance das actuacións de limpeza desenvolvidas nos últimos exercicios.
Nas limpezas realizadas este ano recolléronse diversos obxectos de medianas e grandes dimensións, como rodas das defensas dos peiraos, cadeas, cabos, e ata un contedor de lixo, unha moto, electrodomésticos e unha embarcación enteira, ademais de restos de varios barcos afundidos.
O equipo de traballo que se encarga da limpeza nas dársenas está formado por entre 3 e 5 mergulladores e como medios mecánicos contan cun barco con grúa. Ademais a empresa está coordinada en terra coa encargada da limpeza de Portos de Galicia, que ten preparados os contedores para o depósito dos residuos en terra e realiza a súa xestión selectiva.
Estas actuacións enmárcanse na quinta fase do plan de limpeza de dársenas que o ente público desenvolve anualmente nas tres provincias costeiras e que este ano tivo lugar en 5 peiraos de cada unha das 3 zonas administrativas de Portos de Galicia, a saber: Morás (Xove), O Barqueiro, Cedeira, Celeiro (Viveiro) e Cariño, na Costa Cantábrica; Aguiño (Ribeira), O Freixo (Outes), Pontedeume, Sada e Camariñas, na provincia da Coruña e Moaña, Aldán (Cangas), Tragove (Cambados), Vilanova de Arousa e Vilaxoán (Vilagarcía), na provincia de Pontevedra. Dito plan desenvólvese de xeito periódico co obxecto de acadar peiraos máis sustentables dende o punto de vista ambiental.