Comarcas

@AsNevesConcello da outro paso máis para que este 2019 sexa posíbel compostar todos os residuos biolóxicos que se producen na vila

O Plan Revitaliza impulsado polo Goberno Local de As Neves, en colaboración coa Deputación de Pontevedra, segue adiante co seu obxectivo: que ao longo deste ano 2019 sexa posíbel compostar todos os residuos biolóxicos que se producen no concello.
Os primeiros pasos déronse co inicio da distribución de 1.300 composteiros individuais aos que, agora, súmanse a construción de 5 Centros de Compostaxe Comunitaria que estarán situados en cinco lugares achegados á veciñanza que residen en pisos, que non ten horta ou preto de grandes produtores de refugallos orgánicos coma restaurantes ou o comedor do colexio.
As obras comezaron no Nadal coa colocación dun centro de compostaxe no colexio “coa finalidade de minimizar incomodidades e continuar na zona máis urbana pasadas as festas”, sinala o concelleiro de Medio Ambiente, Óscar González, quen subliña que todo está  programado para causar o menor impacto ou molestia á veciñanza, o comercio e a comunidade escolar.
O alcalde, Xosé Manuel Rodríguez, lembra que ademais xa van entregados case 600 composteiros no resto das vivendas e xa se comeza a notar moito a redución de lixo nos contedores verdes”
Rodríguez sinala que veciñas e veciños coméntanlle “sorprendidos” que “antes de ter o composteiro ían ao contedor verde unhas catro veces a semana e agora levan unha bolsa a semana e non vai chea”.
Charlas en todas as parroquias
En total, o Goberno local ten previsto realizar preto de 30 charlas en todo o concello para explicar aos veciños, de xeito personalizado, as vantaxes e o funcionamento dos composteiros. Logo, haberá un seguimento de cada un destes composteiros, unha vez colocados nas casas, por parte do persoal especializado da Asociación Ecoloxista Adega.
Cumprir coa normativa europea en 2020
O Concello de As Neves quere ser un dos primeiros do continente en cumprir a normativa aprobada polo Parlamento Europeo: que os concellos dos Estados membros da Unión Europea reciclen o 50 por cento dos seus residuos antes do ano 2020. Este obxectivo será a ‘ponte’ que conducirá ata outro moito máis importante: lograr a reciclaxe do 65 por cen de todos refugallos urbanos no 2035.
Transformación en fertilizante natural
Os residuos urbanos, cando entran en descomposición, forman líquidos que poden contaminar o subsolo e os acuíferos, ademais de producir cheiros e metano, un gas de efecto invernadoiro e con gran impacto no cambio climático.
Por medio da súa reciclaxe evítanse estes problemas e, ao mesmo tempo, estes refugallos orgánicos transfórmanse en recursos: xa que se pode obter deles por medio da compostaxe un fertilizante natural para árbores e plantas.

También te puede interesar