Comarcas

Veciñas e veciños de Tomiño poden propoñer, ata o día 15, o nome da nova avenida do concello

Tomiño demanda á Xunta 600.000€ pola financión de servizos sociais que non son competencia municipal

Ata o vindeiro 15 de xaneiro todas as persoas interesadas poderán achegar as súas ideas de forma virtual a través do espazo habilitado na web do Concello de Tomiño, ou de forma presencial enchendo unha tarxeta con nome e deixándoa na caixas instaladas no Mercado Municipal e na propia Casa Consistorial.

Esta iniciativa forma parte da campaña ‘Ponlle nome!’, un proceso participativo a través do que se invita a todos os tomiñeses e tomiñesas a colaborar na proposta e elección do nome que levará esta nova estrada. “Queremos que a cidadanía sinta esta infraestrutura como súa e unha boa forma de implicala é deixar nas súas mans incluso o nome que se lle vai poñer a esta nova vía. Estamos convencidos de que esta infraestrutura vai ser unha mellora para todas as persoas que viven en Tomiño e parécenos fundamental que a xente se involucre con ela dende o principio”, asegura a alcaldesa da vila, Sandra González.

Próximas fases: selección e votación

Tras o remate da fase de recepción de propostas, que comezou o pasado 7 de decembro, un tribunal composto por persoas expertas encargarase de analizar todas as propostas recibidas e de facer unha selección de todas aquelas ideas que cumpran criterios como respecto ou orixinalidade, entre outros.

O vindeiro 21 de xaneiro de 2019 abrirase o prazo de votación popular para que a cidadanía complete o proceso de elección escollendo o seu nome favorito entre todas as propostas presentadas. Todos os tomiñeses e tomiñesas poderán depositar o seu voto novamente de forma presencial nunha caixa instalada para tal fin nas dependencias do mercado municipal e da Casa do Concello ou de forma online a través do espazo dedicado a esta iniciativa na web municipal. Os veciños e veciñas poderán votar ata o 28 de febreiro de 2019.

También te puede interesar