Un traballo clínico sobre o virus do papiloma humano realizado no Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (CHUVI) vén de obter o primeiro premio de investigación que cada ano outorga a Consellería de Sanidade á mellor publicación de impacto científico realizada en Galicia.
A Axencia Galega de Xestión do Coñecemento en Saúde concedeu o primeiro premio 2018 de investigación sobre VIH e outras infeccións de transmisión sexual ao doutor Mauricio Iribarren Díaz, cirurxián do CHUVI, un recoñecemento que o premiado fixo extensible a todo o seu grupo investigador, composto por facultativos de diversas especialidades e persoal de enfermaría, cuxa actividade durante anos plasmouse na creación dun amplo grupo de estudo sobre o virus do papiloma humano en Vigo, o grupo GECAO.
O título do traballo é “Resultados preliminares dun programa de cribado do cancro anal e os seus precursores en homes con VIH que teñen sexo con homes”. O xurado o seleccionou entre 136 publicacións de impacto científico realizadas por autores e grupos galegos de investigación, que avaliou e recoñeceu a repercusión científica e social do estudo así como o seu rigor estatístico.
Os resultados obtidos polos estudos do grupo son extensibles a calquera outra poboación española, dadas as similares características epidemiolóxicas e clínicas utilizadas na análise.
Unha tese
Unha tese previa presentada polo mesmo grupo xa adiantou os resultados despois de catro anos de seguimento dunha investigación cun gran número de variables epidemiolóxicas e clínicas, nunha poboación seleccionada de 300 pacientes.
A tese demostrou que o 87% dos pacientes estudados estaba infectado con VPH, cunha prevaleza e incidencia moi alta de neoplasia intraepitelial (AIN) e de cancros anais, o cal se detectou en tres pacientes, o que pode considerarse unha incidencia moi elevada.
Algúns datos obtidos polo grupo foron compartidos cun importante estudo multicéntrico nacional cuxo obxectivo foi o de coñecer a prevaleza dos diferentes tipos de virus de papiloma humano observados en pacientes españois infectados e o tipo de lesións anais observadas.
“Para os membros do grupo unha das maiores satisfaccións é, sen dúbida, plasmar o seu traballo de investigación nunha actividade clínica habitual do CHUVI, continuando co cribado diagnóstico e terapéutico de lesións precursoras de cancro anal e incorporando paulatinamente a todos os grupos de persoas en risco de desenvolver cancro ano-xenital asociado á infección polo virus do papiloma humano”, explica o doutor Iribarren.
O estudo iniciouse o ano 2012 no antigo Hospital Xeral. Tras a reordenación da área sanitaria viguesa no 2015 continuouse o cribado anal a través do Gabinete de anoscopia de alta resolución situado no Hospital do Meixoeiro que xa fixo máis de 650 procedementos.