O comité de empresa de Maderas Iglesias ten convocada para este venres a primeira das súas mobilizacións. Será de 13:00 a 15:00 h diante da empresa, no Porriño. Con esta protesta rexeitarán o novo ERE suspensivo anunciado pola dirección.
Dende o comité, presidido pola CIG, rexeitan o novo ERE, cuxa comisión negociadora se constituirá nos vindeiros días. Os traballadores lembran que é o noveno que presenta a empresa. Así mesmo, denuncian que o persoal segue sen cobrar o salario íntegro de decembro e paga completa dese mes.
“O Goberno galego comprometérase a buscar unha solución pero pasa o tempo e todo segue igual”, polo que aseguran sentirse abandonados. Neste senso, engaden que “semella que os traballadores somos os únicos que queremos que a empresa sexa viábel e siga a funcionar”.