O Concello realizará varias actuacións para reforestar as zonas queimadas polos incendios de outubro de 2017. O alcalde avanzou que xa está en fase de tramitación a redacción do proxecto do ‘Anel Verde’.
“Queremos unha zona verde arborada para a defensa contra o lume e que á vez sirva como gran paseo polos montes da cidade”.
Abel Caballero indicou que de xeito inmediato vanse plantar 1.500 árbores, castiñeiras e carballos. As árbores irán ás contornas de Comesaña, Matamá, Coruxo, Zamáns e Valadares. Tamén haberá novas plantacións con distintas especies de grande porte en Comesaña e oliveiras na contorna dos adros das igrexas de Valadares e San Andrés.
O alcalde explicou que todos os traballos estarán apoiados por traballadores do Plan de Emprego do Concello. Trátase de 20 operarios contratados que xa realizan labores nos montes da cidade.