Cultura Galicia

Entrevista Luis Zahera: “Sempre pensei que o meu camiño era ser actor”

Paula Crespo/Luis Zahera, o consolidado actor de Santiago de Compostela, leva na profesión desde os anos 90. Tras facer moitísimos proxectos para a pantalla grande, televisión e teatro, a Academia de Cine entregoulle o seu primeiro Goya. Un Goya a Mellor actor de reparto grazas ao papel que realiza na película El Reino, de Rodrigo Sorogoyen.

Nesta entrevista, Luis Zahera cóntanos cando descubriu que quería adicarse ao cine, cales foron os seus primeiros proxectos e como foi a experiencia de traballar en El Reino.

Que supón a nivel profesional e a nivel personal gañar un Goya tras tanta traxectoria?

Os premios están moi ben, pero o importante é que soe o teléfono. Persoalmente é moi bonito, pero tamén tiven moita sorte de estar na película que colleu a ola, como dirían os surfistas. Alégrasete o corazón.

É unha garantía de traballo para novos proxectos ou é un falso mito?

Unha cousa que che facilita o Goya é que che incordian por teléfono, eu xa non sei cantas entrevistas levo. Pero hai incluso quen fala da maldición do Goya. Para a nosa profesión, é necesario que non se pare a maquinaria, se che deixan de chamar tres ou catro anos todo se pode volver bastante complicado. O que interesa é manterse.

Como decidiches empezar no cine?

Sei a data incluso. O 12 de febreiro de 1982 a miña irmá Ángeles levoume o teatro. Eu quedei tan flipado de aquelo que vin, que cheguei a casa e lle dixen a miña nai “Eu vou a ser actor”. Qué pena que non me chamaran antes porque xa o pensaba con 16 anos, e mira ti, foi así a cousa. Son moi privilexiado.

Recordas cal foi o teu primeiro proxecto?

O primeiro recordo que teño é dun anuncio para a Televisión de Galicia. Iba dun tipo que caminaba pola calle para ir a un caixeiro a quitar 100 pesetas. A primeira vez que traballei en cine foi con Divinas palabras, en 1987.

Imaxinabas seguir traballando en cine durante tanto tempo?

Eu son un tipo moi pesimista para todo pero como o noso traballo é tan divertido e mínimamente se me daba ben, pensei “o meu camiño é por aquí”. Que non che pareza pretencioso, pero eu pensaba que me iba manter. Despois inflúe moito o azar. Tiven a sorte de estar en Mareas Vivas,  foi unha revolución social que xa che posiciona. Cada peldaño que avanzaba era un motivo para ser mínimamente optimista.

É complicado entrar na industria do cine desde Galicia?

Eu arranquei nos anos 90 de profesional e home, éramos menos e era máis sinxelo todo. Agora hai un lote de plataformas que, como dicía unha editorial, “non é unha época de cambios, é un cambio de época“. Hai que ter certa valentía e arriscar na vida. É una profesión moi competitiva e complicada.

Aprendiches algo novo traballando na película El Reino?

A escea do balcón técnicamente é moi complicada, tivemos que esperar horas e horas para que os operadores de cámara realizasen o seu traballo. Estaba moi ensaiado, o texto é brillante e tes un actor diante como Antonio de la Torre que é unha barbaridade. Cada día disfrutas máis da actuación e melloras as estratexias. Sempre aprendes algo novo e volves ser o meniño que levas dentro.

Cal foi a túa sensación na primeira lectura de guión?

Léndoo con moito interese. Era un guión duro dunha trama política de corrupción no que acorralaban ó personaxe de forma moi seca. Pensei “cómo rodará isto o director?”, pero confías moito no seu traballo. O cine de Rodrigo Sorogoyen acciona moito coa palabra e o texto é importantísimo. Polo que se ve, saiulle ben.

Humanízanse moito aos políticos na película e o espectador ponse do seu parte. Pasouche o mesmo á hora de interpretar?

É unha película que está feita para entreter. Eu non me basei en ningún político, é un personaxe que está moi ben escrito e acompañado dunha moi boa dirección. Para isto son un pouco frío, non me imaxino a ninguén. Xogas co material que tes e tiras para adiante.

Que futuro crees que ten o cine en España?

Miña nai querida, con todas as plataformas que hai vai mudar todo bastante. Eu xa son de “la vieja guardia” e non entendo estas novidades. Cada vez prodúcese máis cine para televisión e nunca houbo tanto nivel de traballo como temos agora. Non sei o que vai pasar coas salas de cine porque van desaparecendo, pero espero que se manteñan abertas.

También te puede interesar