O Goberno de Galicia licita este venres as obras de construción da estación de autobuses intermodal de Vigo. En total suporá un investimento de case 15,2 millóns. As empresas interesadas na execución dos traballos poderán presentar as súas ofertas ata o 6 de marzo.
A licitación inclúe a nova estación de autobuses e a parte dos accesos e dos túneles que chegan ata a mesma, cun prazo de execución total de 18 meses. Tendo en conta os gastos adicionais o investimento da Xunta será de preto de 16 millóns de euros.
No que se refire ás características técnicas, a terminal de autobuses desenvolverase en dúas plantas. As mesmas articulan o desnivel existente, duns 6 metros de altura, entre a praza da Estación e o acceso intermodal á estación de ferrocarril.
O acceso peonil realizarase a través dun núcleo de comunicación vertical situado na nova Praza da Estación. O mesmo permitirá tamén a comunicación intermodal entre as estacións de autobuses e ferrocarril.
A plataforma de dársenas situarase aproximadamente a cota da Praza da Estación e consiste nun circuíto arredor dunha illa central, cuberta por unha marquesiña.