Desde este luns, día 4, e ata o vindeiro 26 de marzo estará aberto o prazo de inscrición para participar en “Depo Aventura A Lanzada”. Trátase do programa da Deputación de Pontevedra organizado no Centro de Vacacións da Lanzada e que este ano volverá a contar con 11 quendas que arrancarán o 23 de xuño e rematarán o 7 de setembro.
O programa, que ten por obxectivos achegar á mocidade actividades que contribúan ao seu enriquecemento persoal, á adquisición de habilidades sociais e ao coñecemento de espazos de interese fóra da súa contorna habitual, está ideado para rapazas e rapaces de entre 8 e 13 anos -nacidos entre o 2006 e o 2011-.
“Depo Aventura A Lanzada 2019” estará organizado en 11 quendas. A primeira delas comezará o 23 de xuño e rematará o 29 e as seguintes serán do 30 de xuño ao 6 de xullo, do 7 ao 13 de xullo, do 14 ao 20 de xullo, do 21 ao 27 de xullo, do 28 de xullo ao 3 de agosto, do 4 de agosto ao 10, do 11 ao 17 de agosto, do 18 ao 24 de agosto, do 25 ao 31 de agosto e, a última quenda, do 1 de setembro ao día 7.
En total, as prazas ofertadas pola institución provincial para este campamento de verán ascenderon a 2.200, sendo 315 delas gratuítas para aquelas familias que se atopen en situación ou risco de exclusión social, algo que o goberno de Carmela Silva leva facendo dende a súa chegada. O resto das inscricións terán un custe de 100€ e 80 nos casos de pertencer a familias numerosas, en ambos casos a Deputación de Pontevedra financia o valor restante ata chegar aos 200 euros que valen cada unha das prazas de “Depo Aventura A Lanzada”.