O alcalde afirmou este mércores que o AVE por Cerdedo é “prioritario” para a cidade e que sen esta infraestrutura non poderá avanzar o corredor ferroviario e a saída sur a Portugal.
“Xa saben que está a estación en marcha e os accesos e a liña con A Coruña, pero a nosa gran prioridade é o AVE Vigo-Madrid por Cerdedo, agora que está desbloqueada. A nosa segunda gran prioridade é Vigo-Oporto de Alta Velocidade, non un tren convencional, de forma que Vigo-Europa se constitúa en redes europeas, este é o noso núcleo central”, asegurou.
Abel Caballero explicou que a liña con Portugal ten que unir a zona portuaria viguesa e ser compatible coas mercadorías “de modo que seguiremos reclamando que Vigo sexa porto nodal, igual que fixemos sempre, porque nunca daremos a batalla por perdida, e ten que verse acompañado de que o Porto de Vigo e a conexión coa rede ferroviaria a Oporto sexa rede básica europea”.
O alcalde incidiu en que a valoración das áreas portuarias deben facerse co criterio do valor dar mercadorías, non do volume. “Temos que transmitir a Europa un cambio de criterios, os portos nodais non se poden catalogar unicamente por criterio de tonelaxe de mercancías, ten que ter unha segunda catalogación en valor engadido e valor de mercancía, e en abastecemento a zonas económicas“, sinalou.
Desta forma, apuntou que Vigo ten menos toneladas que outros portos de España pero en valor é moi superior. “Somos unha cidade exportadora de vehículos, pescado con altísimo valor, manufacturas, pezas de Censa… as toneladas de carbón non valen para nada”.