Marea de Vigo vén de denunciar o que cualifica de “demantelamento” por parte do Goberno Local da Escola Municipal de Artes e Oficios (EMAO). Aseguran que no pasado mes de decembro, coa aprobación dos orzamentos municipais para o 2019, foi a praza de mestre de Lutería xunto con outra praza ligada á administración da propia escola as que desaparecían, sendo amortizadas na propia proposta orzamentaria. “Pouco tempo máis tarde, asistimos ao que pode ser o final da ensinanza de Serigrafía Artística de non ser tomadas as medidas necesarias por parte do Goberno local”.
Sen persoal
O Grupo municipal da Marea de Vigo vén de recibir un escrito asinado por alumnos e alumnas de Serigrafía Artística no que piden un compromiso por parte do Concello para poder dar continuidade aos seus estudos “tras levar case cinco meses sen clases”
Este tempo sen formación débese a que o Concello non realizou a substitución que correspondente por unha incapacidade temporal da persoa que impartía a clase.
“Facer substitucións do persoal que depende do Concello é competencia única e exclusivamente do propio Concello e os seus responsables de persoal e Recursos Humáns, aquí non ten nada que ver a taxa de reposición á que se amarra sempre o alcalde á hora de ampliar persoal”, sinala o voceiro de Marea de Vigo.
“En todo caso, así como se considera prioritaria a creación de prazas de Policía, tamén debería selo a creación de prazas de mestre para a EMAO, cousa que non se fixo cando se tiña a posibilidade e que, de non saír para a próxima oferta pública, desaparecerán definitivamente, desaparecendo a especialidade relacionada na Escola de Artes e Oficios” matiza Rubén Pérez.
“De non mudar completamente a situación – prosigue o voceiro – na oferta educativa na EMAO para o curso que vén, non atoparemos varias das especialidades que ate agora se estaban impartindo”.
‘Desertización cultural’ da cidade
Para a Marea de Vigo, “é unha absoluta irresponsabilidade deixar que esta escola centenaria na que se teñen formado grandes artesáns e que conta cunha gran demanda de acceso vaia morrendo pola falta de visión cultural deste Goberno” expresa Rubén Pérez.
“É xa unha obviedade a desertización cultural que está sufrindo a nosa cidade tras o paso de Abel Caballero polo Goberno. Isto non é gratuíto e ímolo pagar moi caro toda a cidadanía viguesa, quedándonos con grandes baleiros culturais e formativos en lugar de ser unha referencia internacional en ensinanzas artísticas, tal e como foi a EMAO nos últimos cen anos” conclúe o voceiro.