O BNG de Vigo propón facer gratuíto o prezo do autobús urbano para os e as menores de 13 anos. Con esta medida, o Bloque quere alargar a gratuidade, agora limitada a nenos de até 4 anos, “equiparando o beneficio ao que xa se aplica noutras cidades galegas e do Estado, para impulsar a utilización do transporte público”.
“Queremos facilitar o uso do autobús á poboación infantil da cidade como maneira de estimular unha mobilidade que reduza o uso de vehículo privado. Non ten sentido seguir facendo pagar a menores que na súa maioría viaxan xa acompañados por adultos e adultas que xa pagan billete”, explicou o candidato do BNG á alcaldía, Xabier P. Igrexas.
Equiparación do bono estudante co universitario
Por outra parte, BNG volveu reiterar a demanda de equiparar a tarifa que se aplica no bono estudante coa do bono universitario. Na actualidade, o estudantado non universitario, é dicir o que cursa Primaria, Secundaria, Bacharelato ou Formación Profesional, ten que aboar 86 céntimos de euro por viaxe, só 3 céntimos menos que o bono normal. Coa equiparación pasarían a unha tarifa de 69 céntimos por viaxe.