A mostra itinerante “Achegas das mulleres á sustentabilidade do mar” chega este xoves ao IES Ricardo Mella, onde estará situada no vestíbulo do centro. A apertura da exposición terá lugar, ás 12:00h., coa participación da deputada provincial de Igualdade, Isaura Abelairas, e do director do centro educativo Miguel Anxo Fernández Riveiro.
Trátase dunha iniciativa promovida pola Deputación de Pontevedra en colaboración coa Universidade de Vigo para darlle visibilidade ao papel da muller no ámbito mariño. Alumnado e profesorado do centro poderán ver a mostra, en horario lectivo, ata o vindeiro 10 de abril.
A mostra está composta por vídeos, fotografías de redeiras, de mariscadoras, de vendedoras de peixe, de mulleres salgando ou conservando, científicas como a oceanógrafa Ángeles Alvariño ou a que fora directora do Instituto Español de Oceanografía Aida Fernández.
“Sustentabilidade en feminino: achegas das mulleres á sustentabilidade do mar” recolle tamén imaxes, moitas delas inéditas, que serven para recuperar nas aulas o invisibilizado talento das mulleres do mar e promover a igualdade e a acción positiva entre os e as futuras profesionais e científicas.