A Deputación de Pontevedra leva a cabo esta fin de semana unha xornada de portas abertas no Castelo de Soutomaior co fin de colaborar co XIX Certame e Exposición da Camelia, organizado polo Concello, e de acordo coa ordenanza reguladora do edificio histórico que prevé este tipo de accións cando se trata de actividades relacionadas coa posta en valor do mesmo, da camelia ou dos xardíns.
O Castelo estará aberto ao público de xeito gratuíto de 10.00 a 19.00 h, tanto este sábado como o domingo, e respectando a capacidade de aforo do edificio histórico.
A cita cultural, que reunirá a máis de 40 expositores, contará con premios para a mellor flor, mellor composición artística e mellor traballo escolar. Recentemente, a institución provincial desenvolveu as visitas temáticas “A ruta da camelia”, guiadas por persoal do Castelo e que deron a coñecer os principais exemplares de camelia dos máis de 400 cos que conta o seu xardín, declarado de Excelencia Internacional.