A Consellería de Política Social mantén aberto ata o 2 de setembro o prazo de solicitude do ‘Bono Coidado’, un programa que inclúe axudas directas ás familias para contratar ante unha necesidade puntual a unha persoa coidadora dos menores de ata 12 anos.
O ‘Bono Coidado’ cubre situacións moi variadas nas que os menores estean enfermos ou non poidan ser coidados pola persoa que o fai habitualmente, ben sexa por doenza do coidador ou por distintas circunstancias puntuais de carácter laboral deste, como poden ser a asistencia a entrevistas de traballo ou a realización de cursos de formación.
Nenos e nenas de ata 12 anos
O Bono Coidado conta cun orzamento inicial de 1,2 millóns de euros -ampliables para atender todas as solicitudes que se reciban- e do que poderán beneficiarse as familias con menores de ata 12 anos que residan en Galicia e que conten cunha renda da unidade familiar que non supere os 45.000€ ou os 13.500€ per cápita.
A Xunta subvencionará un máximo de 80 horas por familia para a totalidade do período en vigor da convocatoria, que cubrirá os servizos recibidos entre o 1 de outubro de 2018 e o 30 de novembro de 2019. O número de horas incrementarase un 15% por cada menor de 12 anos.